Enviado: 03.11.2009 16:44
O Meco
Hai tempo que oímos falar del porque é unha das embarcacións do Ulla, do “Cesures mariñeiro”, á beira de dornas e galeóns. Pero chegou o momento de velo. Este domingo de chuvia incesante, de chover a esmadrazar, non lles meteu medo a Malena, Marro e Uxío para viren á Terra de Iria.
Madó, unha amiga de Campaña (no Concello de Valga) falárame del por casualidade na “Casa Vella” unha desas noites de verán en que un vén de dornear na Arousa e o bar de Genito tamén ten balances e está disposto a facerse á vela. Era un meco da familia que ficara “enterrado” máis de corenta anos entre o batume do cuberto e que agora servía para que as pitas do curral puxesen os ovos a popa. Unha historia de afogados, a do Cacharelo no Medroso un día de nortada, condenárao a ese exilio, lonxe do río. Pero, dalgún xeito, tamén así o preservara. A familia de vellos mariñeiros de Porto, agora en Campaña, aqueles que pescaban no río e en toda a Arousa, tivo o detalle de limpa-lo estrume para nolo ensinar. E alí o estaba, velliño, pero moi digno. Víase o folio pero non o nome. Enchémolo a fotos!
-Nunca vin barco da maneira, dixo Uxío.
E entón Marro, Malena e mais eu por fin comprendemos que aquela dorna de escarva de sete cuartas, sen temón, co mastro moito á proa e cunha disposición da cuberta da tilla (onde durmían dous mariñeiros) moi singular, xustificaba a viaxe nun día de chuvia que fixera desertar a tódolos feireantes de Padrón.
Por que o nome de meco? Aínda que o tío de Madó, mariñeiro até os quince anos, me confesou que o seu meco o comprara no Cabo da Cruz, con toda seguridade eran feitos no Grove. A proa lanzada era un detalle que podía apoiar esa idea, como nos dixo Uxío. E é moi curioso que en Cesures se fixesen dornas (de tope) e que a embarcación que ó final é máis característica de aquí se trouxese do Grove.
Despois de irmos a Porto, a aldea máis mariñeira da Terra de Iria, á beira de Cesures, fomos a Catoira por ver un meco que adorna o restaurante “A Pedra”. Era case idéntico, aínda que a reconstrución, con certo coidado e exhibindo tódolos elementos (vela, pau, remos, verga), non tiña o encanto do vello, do vellísimo meco de Madó.
Non faltou o pan e o polbo na vila de Rosalía nin o emprazamento para volvermos con máis vagar a segui-lo fío das historias de mariñeiros e embarcacións que subían e baixaban o Ulla coas marés da Arousa, hoxe practicamente desaparecidas, pero non esquencidas. E este é caso de memoria histórica. Madó e a súa familia cavou no seu pasado, como nós seguiremos cavando. Porque aquel mequiño, despois de tantos e tantos anos enterrado, ben se vía, estaba disposto a sobrevivir.
"O mequiño"




(tés razón, andreia, estamos tod@s diogenizad@s)