Enviado: 14.08.2008 14:15
O mércores día 6 de Agosto deu comezo a segunda travesía en embarcacións tradicionais na que participa a ACD Dorna.
A primeira hora da mañá os patróns se desprazaron a Portonovo para trasladar os barcos, amarrados alí desde a anterior viaxe, até Bueu. Non fomos a Bueu en bou, pero fomos en dornas.

Trasladando as nosas mochilas na buceta Laranha à Irmandiña.

A Irmandiña camiño de Bueu por diante da Peza de Rabo.

Amarrando a Peza de Rabo, a Lura e a Laranha.
En Bueu agardaba por nós o grupo de participantes. No pavillón non os encontramos, e cando alguén falta, sempre é bo buscar nas tabernas.

O grupo, à sobra da parra, refrescando a gorxa.
Aproveitamos para facer alí a xuntanza inicial e a apresentación de todos os patróns e monitorado da actividade.

Sendi informando ao grupo das normas de funcionamento da actividade.
Despois de xantar, distribuiuse o grupo nas embarcacións e fomos dar o primeiro paseo pola ría para tomar contacto cos barcos e, sobre todo, cos patróns, máis difíciles de dominar.

Subindo às embarcacións no peirao de Bueu.

Velas arriba na Nova Maruxa e na Lura.
O paseo foi breve, pois às 19 horas tiñamos recepción oficial no Concello de Bueu por parte do seu alcalde. Desexounos unha boa travesía e ofreceunos toda a colaboración para que saíra ben.

Acomodándonos no Salón de Plenos do Concello.
Como final do día, despois da cea, fixemos uns xogos de apresentación para coñecernos un pouco mellor e saber, polo menos, os nosos nomes.

Explicando quen somos, de onde vimos e aonde vamos.



