Enviado: 09.07.2012 22:50

Hoxe, na escola, viñéronnos visitar unha representación dos socios do proxecto europeo Woobta. Un proxecto que propón a asociación de distintos centros de carpintería de ribeira europeos e o intercambio de métodos e técnicas de ensinanza neste sector.


Estes socios son: O Centro de Formación A Aixola (Marín), xestionado polo CETMAR; Ateliers de l’Énfer (Francia); Falmouth Marine School (Reino Unido) e Skeppholmens Kolkhögscola (Suecia) . Con eles, tamén dous representantes da mutua dos pescadores de Lisboa.


Embarcaron no galeón “Rei do Mar” para dende alí observar a técnica mariñeira dos nosos patróns, Lino, Salva e Javi, e empaparse de cultura patrimonial galega.

Claro que o de empaparse é un dicir, pois o vento non fixo acto de presenza ata o último tramo da travesía, cando puxemos proa cara o amarre. Mais a airexiña que ía chegounos para facer un pequena ruta mariñeira.


Un dos obxectivos do proxecto Woobta é o intercambio de planos de embarcacións tradicionais para a construción de maquetas, polo que mostráronse interesados na tipoloxía das nosas dornas e así vémolos, nada máis chegar, agachados entre elas, levantando empanetados e aparellos varios.


A encalmada invitaba as conversas
Un deles, irlandés pero asociado a unha escola de carpintaría sueca, embarcou con Uxío nunha das nosas dornas para non perderse detalle da nosa embarcación máis representativa, pois tiña o proxecto de face-la maqueta dunha como actividade de fin de curso. Canda eles foi a intérprete de inglés.



O remate destes dous anos do proxecto Woobta terá lugar mañá no Museo do Pobo Galego en Santiago cunha xornada onde, amais de charlas, haberá unha exposición de maquetas de embarcacións tradicionais de Bretaña, Cornualles, Suecia e Galicia construídas polo alumnado do centro de formación A Aixola de Marín, dentro do devandito proxecto.


Posteriormente presentaranse os resultados do estudo “A formación en carpintería de ribeira en España (sic), Francia, Suecia e Reino Unido”.

Seica falar distintos idiomas impediu a construción dunha torre, disque en Babel.

Mais hoxe na escola, vimos de ver como cada un, cada unha, coa bagaxe da súa propia lingua e cultura, somos quen de construírmos proxectos comúns.
Malia que algúns se empeñen en construír barreiras.

O “Rei do Mar”











