Enviado: 05.06.2011 19:53
Este sábado tivo lugar a presentación da exposición que conmemora o XX aniversario do achado da Marina, última lancha de relinga que foi atopada en Caldebarcos. O acto foi no Museo do Mar de Vigo, onde está atracada a Nova Marina que forma parte tamén da exposición.
Ata alí fomos varios navegantes de Dorna e xunto con nós, outros de diversas asociacións que forman parte da FGCMF.
A presentación do acto estivo a cargo de Pablo Carrera, director do Museo e de Víctor Fernández, presidente da Federación.

Víctor e Pablo, no momento da inauguración
A exposición vai sobre as lanchas de relinga: a súa importancia e a súa desaparición nos anos sesenta. Hai imaxes moi interesantes sobre os traballos de desenterramento da Marina, traballos que se fixeron grazas a un grupo de precursores da recuperación do patrimonio marítimo (un deles, Isidro Mariño, estaba entre os presentes) e tamén grazas á escola-taller Aixola, que foi quen materializou a partires dese pecio unha réplica, o que hoxe é a Nova Marina.

Nesta foto de hai vinte anos, vense os restos da "Marina". Isidro Mariño é o da dereita
Víctor destacou que a exposición tamén trata da posta en marcha dun proxecto paralelo: a recuperación do patrimonio marítimo a través da Federación das asociacións que xa daquela funcionaban de forma illada.

Na acta fundacional desta recén nascente Federación, a metade das sinaturas correspondían a mulleres.
A exposición vai estar no Museo ata o día 26 de xuño. Despois irá a Carril co motivo do X Encontro e de aí recorrerá varias vilas. Acompañando á exposición, proxectarase un documental sobre a Marina que non poidemos ver onte, xa que está previsto o seu primeiro pase en Carril, onde a exposición "Mar ao xeito" será inaugurada de xeito oficial.

Juan da Zenaida le atentamente un dos paneis

Na presentación Víctor lembrou un dito que ven ó caso: "hai que coñecer de onde vimos para saber a onde vamos"





