Enviado: 07.07.2009 21:51
Ás sete da mañá: calma podre na Arousa
O venres, 3 de Xullo, ás sete da mañá, partiron dende Arousa as embarcacións máis grandes que ten a “ACD Dorna”: A Nova Marina (lancha xeiteira), Peza de Rabo (dorna de tope) e a Irmandiña (dorna de escarva), patroneadas respectivamente por Parada, Larri e Uxío, para participar nos Encontros de Muros, que serán o próximo fin de semana.
A travesía fíxose a motor ata pasar o carreiro de Sagres.
Logo con vento sur, foron en empopada ata Muros; aínda que había bastante mar, ás dúas da tarde xa estaban entrando en porto.
Durante o recorrido a Peza de Rabo, tivo un pequeno percance: rompeulle a “frouxa” vara de portar cando chegaban á altura de Basoñas. O patrón, Larri, tan flegmático coma sempre, decidiu que era boa ocasión para deixarse vir en popa arrastrados polo vento e botar uns anacos de pan con chourizo, pataghullos, queixo, ... para repoñer forzas. Logo, coa vela “á crus”, retomaron a travesía ata Muros.
A Peza de Rabo antes da rotura
Pasamos As Basoñas: uns, por terra; outros, por fora
A serrasón non deixa ver Monte Louro. Nós sabemos que vai na proa
A serrasón tamén nos deixou as costas ben molladas
Pola tarde algúns dos que viñeron en barco e outros que chegamos en coche, acercámonos ata unha pequena parroquia situada moi preto de Muros que se chama Abelleira, xa que mañá, sábado, día 4, vaise facer a botadura dunha “buceta”, -barco que abundaba antes por esa zona-, e para eles vai ser motivo de festa. O presidente de “Dorna” asesorounos e colaborou en todo o necesario para que lle saíse ben a botadura. Por tal motivo leváronse ata alí catro dornas que navegarán pola pequena enseada que fai o mar nesa zona.
A Rosalía e a Onza xa agardan a hora de navegar
Cando chegamos á parroquia, fomos coñecer o lugar onde iamos navegar mañá e ao lonxe vimos que facían prácticas de navegación coa axuda do presidente da nosa asociación.Tiñan xa preparada unha grande carpa e, nun local que teñen ao lado, a xente xa traballaba arreo preparando as comidas de mañá. Tamén nese mesmo local había unha exposición de fotografías antigas e modernas. Despois de ultimar detalles os dous presidentes, o da asociación de veciños “A Ostreira” explicounos que mañá van participar na festa unhas cincocentas persoas, que van vir vestidas de época, e por tal motivo fixéronse moitos traxes para que os veciños se implicasen, participasen e fixesen ambiente. Tamén nos enteramos de que a “buceta” leva unha vela de relinga igual que as dornas e vimos a rambla que tiñan preparada para a botadura. Notamos ao presidente moi ilusionado e ao mesmo tempo preocupado polo acontecemento do día da botadura.
Todo vai estando preparado para o acontecemento do día
Á hora de marchar para Muros, invitáronos a participar na festa da empanada que estaba noutra carpa preto de alí, e onde máis á noitiña actuaría unha orquestra; pagabas a bebida e poñíanche cachos de diferentes clases de empanadas: de atún, de xiba, de carne, de zorza, de millo...etc. Estivemos un pouco tempo e, se cadra polo cansazo, decidimos que era hora de regresar a Muros.
O sábado 4, ás once da mañá, marchamos para a Abelleira e acercámonos ata o porto de Sorribos onde está montada a carpa dos veciños. Como a botadura vai ser sobre as catro da tarde, aproveitando a marea chea, fóronse buscar a Muros a lancha xeiteira“Nova Marina” e a dorna de tope “Peza de Rabo”.
Os nenos e algún adulto colleron as dornas e trouxéronas ata o porto, pois estaban amarradas fora.
Á unha e media chegaron os barcos grandes e, ao pouco, apareceu a “buceta” nun remolque, seguida dunha procesión de veciños vestidos de época, con gaiteiros e pandeireteiras.
Quitamos o temón para non tocar fondo
O barco colocouse na rambla ata a hora da botadura. A xente despois de lucilos seus traxes marchou ata a carpa; pois xa se empezaba a repartir a comida.
Deron un folleto informativo onde se explicaba que o primeiro prato collíase á entrada na carpa (pementos fritidos e salpicón), a bebida pagábase antes e xa che daban os vasos, o segundo prato que era churrasco e ensalada, servíancho na mesa.
Despois da comida déronnos as instrucións para navegar pola enseada.
Formáronse dúas tripulacións de mulleres que irían nas dornas, a ”Laranha” -a buceta de Dorna-, levaba dúas mulleres e un home; os nenos, nas outras dornas e as tripulacións dos barcos grandes sería a mesma que os trouxo de Muros. Estivemos todos no mar esperando a botadura, parece ser que se alargaron un pouco demais os discursos.
Impaciente por ir á auga!
Alá vai!
Os mariñeiros no mar arman vela; nós tamén ímola armar
Despois de recibir o bautizo de mar, o novo barco izou velas. Fixemos todos o mesmo e empezamos a navegar pola pequena enseada. A verdade é que o temón da dorna por algúns lugares daba no fondo e subía. Demos unhas voltiñas por alí e outros, como saían os barcos grandes, foron quen de saír máis a fóra. Tamén vimos entrar na enseada varias dornas, do club “Lajareu por Barlovento”, que viñeron dende Ribeira navegando pola costa e comentaron que lles gustara moito a travesía.
Navega e faino con estilo
Os outros barcos, tamén
A Moura e outras tamén asisten á botadura
Pola tarde actuou un grupo de música galega tradicional. O sol daba moi forte e ata a auga do bar se esgotou.
Que calor!
Os veciños ambientaron a festa e participaron nos xogos que alí espontaneamente se organizaron, -ademais tiveron un día espléndido que colaborou ao realce da celebración-, xente nova, vellos... todos estiveron alí. Nós e outros, botabamos de menos un sitio á sombra para sentarnos. Acabámolo facendo cerca da rambla da botadura. Empezamos a cantar e a tocar gaita e pandeiretas. Ao pouco empezaron a recoller e viñeron onda nós os organizadores, as que fixeron de cociñeiras... Sentaron con nós e cantaron e bailaron. Agradecéronnos a nosa colaboración e xa avanzada a tardiña despedímonos.
Poden estar ben ledos os veciños da Abelleira; pois, ademais de vivir nun lugar tan fermoso e privilexiado, saíulles a festa da botadura redonda, tanto na súa organización, coma no bo día que fixo.
M.C.A.B.



