Categoría: escola
Enviado: 06.02.2008 22:45
Acción formativa Para aprender a navegar, o primeiro que temos que facer é chamar ao teléfono 670302810, falar cos membros da escola, e achegarse á Illa.
O primeiro día que chegamos á escola coñecemos a todo o equipo, as persoas e os aparellos que imos utilizar.
Os patróns da escola fannos sentir rapidamente en familia. Unha vez que xa nos coñecemos, vemos como é a “dorna” e aprendemos, en terra, como pisar na embarcación (recordemos que as dornas están feitas de madeira, e temos que saber como e onde se pode pisar para non estragala), uns conceptos básicos de seguridade e comportamento a bordo.
Xa estamos preparados para un coñecemento e recoñecemento do material (embarcación, velas,...) que imos usar durante a semana na que comezaremos a formarnos como “mariñeiros”, tamén aprendemos os coidados deste material. Apréndennos a arranxar as velas, pequenos traballos de carpintería...

Navegaremos en dorna, sempre por parellas acompañados por un patrón xa que unha vez sepamos navegar en parella poderán facelo eles sós apoiados por embarcacions de seguridade. Non hai unha teoría da navegacion en dorna, apréndese do patrón co que embarcas. Case sen darnos conta, a través de preguntas e escoitando os patróns adquirimos os coñecementos básicos para navegar.
No ánimo dos patróns de dorna cos que embarcamos no noso camiño de aprendizaxe na navegacion non está simplemente a transmisión de coñecementos ou dun xeito de navegar, o que se pretende é que despois dunha semana veñan outras. A actividade formativa non remata nunca, do mar sempre se aprende.
Todo o material necesario para estes días proporciónao a asociación.
O OBXECTIVO DESTA ESCOLA É AUMENTAR A FLOTA CULTURAL, non só que veñamos tomar un curso, senón que poidamos ser parte da escola todo o ano ...E ante todo atopar na Illa amigos e compañeiros.