Categoría: travesías
Enviado: 13.05.2009 20:49
(Por Mª carmen Aguín, da ENT Dorna)
Hoxe día 25 de Abril as embarcacións tradicionais máis grandes da Ría de Arousa navegaron dende os diferentes pobos da Ría ata Vigo, para participar na "Tall Ship 09", que se desenrolará o próximo fin de semana no peirao de transatlánticos e a estación marítima de Vigo. Virán unha chea de embarcacións a vela de un, dous ou máis mastros.
A asociación Dorna levará a Vigo tres embarcacións: Irmandiña, Peza de Rabo e a Nova Marina.
Onte pola tarde no peirao do Xufre sorteáronse as tripulacións, e decidiuse a hora de saída: sete e media da mañá.
Hoxe as sete e media non estaban aínda as tripulacións completas, faltaba xente, ao final saímos as oito e media. Calma borrada.
8:30 Saen as trs embarcacións remolcadas polo barco de batea "Irmáns Allo". Vainos levar ata fóra da ría, esperamos mar de fondo.
O traqueteo do barco rompe a tranquilidade e o silencio da ría. Marro saca fotos, Santi solta como sempre as súas saídas cómicas. Yogui comenta que é mellor que haxa mar de fondo para larga-los aparellos mañá.
9:25 Faltan cinco minutos para levar unha hora remolcados. Neste tempo tomamos un petisco de tortilla de pataca.
10:30 Xa chegamos fóra da ría e o remolque vainos soltar, seguimos sen vento. Non avanzamos nada. Nós que imos na Nova Marina, con Parada de patrón, fomos cara fóra e parecía que nos moviamos un pouco. Os outros parecía que ían para atrás coa marea. Cantamos. Vemos ó lonxe vir a Dorna Meca, parece que avanza moito sen vento, comentamos e cremos que leva un pequeno motor. Ao lonxe aparece o Novo Sofía, o galeón de Vilanova.

12:30 Xunto a Ons e sen apenas avanzar nada remólcanos o Novo Sofía que trae pola popa á Rabandeira e a todos os demáis que foi collendo. Damos bandazos sen parar todo o tempo e imos un pouco mareados. Non remolca aos do Grove.
13:00 Comemos mentres imos remolcados. As ondas son grandes, pero o vento non é abondo para remontalas. Marro vai na caña, logo cambia un pouco Juan.

13:30 Sopla un ventiño xeitoso do oeste e a Rabandeira é a primeira en deixa-lo remolque, logo fixémo-lo tódolos demais. Todos os barcos van emproando cara a Cíes, nós quedamos no medio igual que o Novo Sofía, aínda que a Nova Marina anda máis.
14:55 Estamos entrando na costa da Vela, temos bastante mar e pouco vento e esperando que arrecie o vento para non sentir tanto a mareira. Os barcos que van por fóra parece que collen mellor vento, pero nós vémolos agora e ó pouco non, coa montaña de mar que hai. Non damos chegado a Cabo Home. A Nova Marina menéase moito, xa que collemos as ondas da mareira por un lado e polo outro, as que veñen rebotadas dos cantís de Donón, parecemos un berce co arrandeo.
15:05 Pásanos o Novo Sofía coa axuda do seu motor, segue habendo montañas de mar pero movémonos pouco. Por fóra vemos que o sr. José da Rabandeira, vaille gañando camiño a todas. Detrás vai a Peza de Rabo e a Irmandiña acurtando o camiño e pisándolle os calcañares; detrás a Dorna Meca. Parécenos que andan máis ca nós. Menéase moito a vela e imos para os lados.
15:20 O sr José xa vai pasando as Cíes vindo dende fóra. Podémolo ver ben, porque sae un barco negro e azul e crúzase con el: a vela resalta co negro do casco.
Seguimos navegando e á xente éntralle fame e saca a comida para comer outro pouco. Momentos de baldeira-la vexiga para algúns. Marro vai na caña.
15:30 Ponse Parada na caña e bogan Juan e Yogui para intentar pasar Cabo Home, e non ir contra as pedras, vaise facendo con traballo, polas ondas.
16:00 Levántase un vento fresco do oeste porque ven a choiva e cruzamos Cabo Home tódalas embarcacións, nós imos á velocidade dun lóstrego, tódolos tripulantes facendo banda e Yogui gravándonos coa cámara do seu móvil, para que non esquezamos este momento. Fixámonos na vela que fai unha arruga fea e cremos que afrouxou o chicote do penol.
Despois da nevada

16:15 Facemos unha trasluchada para entrar na ría de Vigo. Antes xa a fixeran a Meca e a Irmandiña que queda agardando pola Peza de Rabo. Entramos xa na ría e imos gañándolle terreo á Meca, que se arrimou máis á terra. Nós imos polo medio e canto máis nos internamos na ría cada vez hai menos vento e mareira, pero movémonos. Ao lonxe vemos que entran no porto a Rabandeira e o Novo Sofía. Poñemos rumbo ó peirao. A Dorna Meca co seu motor adiántanos por estribor.
18:00 Entramos no porto. Xa están amarrados algúns barcos. Logo entramos nós, recollemos vela, limpamos o barco e saltamos ao pantalán. Ao pouco chega a Irmandiña e, detrás, a Peza de Rabo. Tódalas tripulacións fan o mesmo que fixemos nós. Preparámonos para marchar no tren ata Vilagarcía e de alí ata Arousa collé-lo coche que quedou no Xufre. Dalí a casa a descansar. Hoxe foi un día completo.