Categoría: museo
Enviado: 09.12.2009 21:21
Como
Dorna é medio republicana e medio atea, pasa as pontes de constitución inmaculada a traballar, para que non se diga.
E así, as tardes do luns e do martes, houbo xuntanza en Vilaxoán para pór a punto o
Espazo Expositivo. Ademais diso, o martes de mañá, levamos (por fin!!) as dornas que andaban a invernar no Bao para a nave. Como vedes, feriados completos.
As persoas que coñezades a nave de Vilaxoán e levedes unha temporada sen ir por alí, teredes unha grande sorpresa cando voltedes, porque
as fotos desmerecen o que impresiona o novo espazo que habilitamos.
Nel xa están dispostas as embarcacións, de diferentes tipoloxías, que temos na asociación: a dorna polbeira, por suposto, a dorna de tope, a dorniña, o loro, a buceta, o racú, algunhas artes de pesca e até a traíña colgante, innovadora tipoloxia local.
Colocando a buceta Laranha onde mandaba Patricia, a deseñadora de interiores da ACD Dorna.
Temporal na costa recén pendurado da parede.
Todo ten as súas traseiras: a tramoia de todo o decorado está feita con paus, varas de portar e cabos varios (a ver quen ten a dorna completa cando comece a tempada...)