Enviado: 31.01.2010 22:33
O pasado Sábado 30 de Xaneiro celebramos unha Asemblea Extraordinaria da ENT Dorna, na que participamos 35 persoas. Acordamos o que sigue:
O Rei do Mar foi recibido no Bao polo risco da vella: esperanza de futuro.
ORDE do DÍA:
1.Financiación do Rei do Mar.
Foron expostas pola Xunta Directiva as contas con respecto à recuperación do galeón Rei do Mar. O orzamento final é de 72.000, dos que temos pagados 18.600. Do restante, temos a débeda xa comentada na anterior Asemblea co carpinteiro de ribeira, de 24.000 euros.
Acordamos facer unha caixa común destinada ao pagamento dos traballos no Rei do Mar entre todas as persoas asociadas à Escola. Consistirá nunha cota de 10 euros mensais por tempo indefinido, de carácter voluntario. Para iso a Xunta Directiva informará através dunha carta a todas as persoas para que, en caso de non poder ou non querer facer tal aportación así llo comuniquen aos xestores da Escola (é dicir, a menos que digades o contrario, vaisevos pasar o recibo). Faráse efectivo o cobro apartir do mes de Marzo.
Unha das argumentacións a favor desta medida máis comentadas foi a de que a cota de socio da Escola (24 euros ao ano) en realidade non ten proporción cos servizos e o patrimonio aos que temos acceso, polo que en realidade estes 10 euros mensais non deben ser vistos como un abuso ou un exceso.
Unha vez a Xunta Directiva teña confirmación da cantidade de socios que participen nesta cota, preparará un estudo económico para pedir unha póliza de crédito, atendendo a tres posibilidades: acabar o Rei do Mar a curto (acometer xa todos os traballos), medio (pór un prazo de dous anos, p.e.) ou longo prazo (solventar débedas e parar). Teremos nun par de meses outra Asemblea para tomar a decisión final.
Segue existindo a posibilidade de facérmonos Amigos/as do Rei do Mar, é dicir, facer unha doazón económica.
Ademais disto, e perante as ideas e propostas expostas na Asemblea, decidimos facer unha Comisión de Seguimento do Rei do Mar, encargada de artellar actividades e maneiras de conseguir financiación extra para o galeón. Integran esta comisión Uxío, Fernando, Xabi Pena, Marro, Juan Piñeiro, Manolo e Calixto. Se tedes algunha proposta xenial ou idea impresionante, podedes poñervos en contacto con calquera deles.

A Comisión de Seguimento xa botou a andar co viño ribeirán.





