Enviado: 18.07.2010 09:16
O sábado 17 era o día da Regata dos Faros en Ogrobe, mais as previsións facían temer o que xa acontecera coa regata da Volta a Arousa: a suspensión da mesma.
Con tanto suspenso vannos quedar moitas para setembro e a ver como facemos.
Como o aviso chegou cedo, e para non desaproveita-lo día, a correr decidimos aparella-los barcos grandes e poñer proa a Vilaxoán, a súa festa das Revenidas,e deste xeito encararnos con ese vento nortón que ándanos a catear.
Os barcos encarándose co Norte
Saímos coa Irmandiña, a Peza de Rabo e a Xeiteira. Uxío, Larry e Parada foron os patróns.
Valentes somos, mais non incautos: collimos 1,2 e ata 3 rizos.
Os rizos ao vento.
Segundo avanzábamos millas o vento foise quedando, agás algún que outro refacho, e decidimos desmarra-los rizos e navegar con toda a vela.
Malpocada da Irmandiña! Co seu fermosísimo pano novo ao ar, "... nun refacho asubiante ...tronza o pao, as cordas estalan ( unha moza cae a iauga)e un instante ábrese a vela e cai a plan no mar ..."
Ao rescate da Irmandiña do pao tronzado achegámonos a Peza de Rabo e a Xeiteira.
Botóuselle un cabo para remolcala e maniobrando decidiuse que, embarcada a tripulación nos outros barcos, quedara amarrada a unha batea.
A Irmandiña canda a Peza de Rabo, a todo trapo, pouco antes de tronza-lo pao.
A Irmandiña remolcada pola dorna de tope
Maniobrando para amarrala á batea
Parte da tripulación embarca na Peza de Rabo, o resto na Xeiteira
Patri mollada pero contenta, relata o acontecido
O balance do siniestro foi:
Unha persoa mollada leve ("a auga estaba boísima", declararía máis tarde)
Seis tripulantes totalmente secos.
Un patrón cabreado.
O único ferido: o pao tronzado.
Con iste historial aventureiro, dúas das tres embarcacións que saíron do Vao entraron no porto de Vilaxoán para dar conta das tan desexadas sardiñas e facer un pouco de festa.
Merecémolas
Despois de comer e cantar regresamos aos barcos e deixamos a tripulación da Irmandiña disposta a colocar a vela a cruz na súa ferida embarcación. A pericia dos patróns fai que as cousas funcionen malia as adversidades.
Para colocar a vela a cruz o patrón tivo que gabear polo pao.
O resto da tripulación animábao:
"Estamos contigo, patrón! ... eiquí embaixo"
Cónstame que Bea ten fotos da fasquía da Irmandiña coa vela a crus. Todo un espectáculo. Esperámolas ver.
A Irmandiña coa vela a cruz
(Á espera doutras fotos non teño outra mellor)
A empopada levounos "costa abaixo" ata casiña. O vento do norte tamén sabe portarse.
Todos agarrando o amarre no Vao.
Bea móstranos o resto do pao tronzado
Boé, ao final houbo baño na praia e sandía na escola, sen esquecer o bocata-patrimonio inmaterial que nos amañou Lois.
Pasamos traballos, mais pasámolo ben.
Hai moitas fotos. Se temos sitio no Picasa, alí estarán. Atent@s.
E para que ninguén quede preocupado, aviso ás familias e outros amores:
NON PASAMOS PELIGROS. SOMOS ASISADOS. LEVAMOS OS MELLORES PATRÓNS



