Arousa

CANTOS SOMOS

Contador amung

Calendario

« Agosto 2010 »
L M M X V S D
1
2 3 4 5 6 7 8
9 10 11 12 13 14 15
16 17 18 19 20 21 22
23 24 25 26 27 28 29
30 31

Administrador

Pasatempos de verán: as oito diferencias

Categoría: fotoló
Enviado: 31.08.2010 16:58

Dúas paisaxes desde o mar, dúas costas vistas desde a dorna, dúas paisaxes atlánticas, dúas liñas de mar prendidas no verde... cales son as diferencias?

http://acddorna.org/blog/upload/oito_diferencias4.jpg

A costa da Illa de Cumbrae, Escocia.

http://acddorna.org/blog/upload/oito_diferencias2.jpg

A costa en Punta Festiñanzo, Sanxenxo.
Permalink Comentarios (3) Trackbacks ()

E POR FIN CHEGOU ... A REGATA DO BAO 2010

Categoría: regatas
Enviado: 29.08.2010 19:26

Sen dúbida, a Regata do Bao foi a regata máis movida da tempada, mais onte quedouse quieta para que tod@s a bordo das nosas dornas poidésemos celebrala como se merece.

http://acddorna.org/blog/upload/Na%20Chati%202010%20-%20copia%20-%20copia.JPG
Deste xeito tan decidido iban as dornas dispostas a pasa-la ponte

Ter que iniciala na Praia do Bao Norte, ou sexa na mesma latitude que o vento, parecíanos a algúns un obstáculo insalvable. Porén, malia o pechado da bolina, tódalas embarcacións comezaron a regata dende a beira da praia sen ter que monta-los remos para aparellar.

O vento do norte soprou constante e sen apenas rachas e xunto co sol e a estupenda temperatura (non fixo excesivo calor) disfrutouse moito da competición dorneira e, a diferenza do ano pasado, non houbo que “pagar peaxe” ao pasa-la ponte con interminables cambios.

http://acddorna.org/blog/upload/Na%20Chati%20O%20Bao%202010.JPG
E a pasaron

Apenas houbo incidentes agás algún cruce de traxectorias non previsto e sen danos materiais e, tamén, a varada da "Chati", máis ben embestida, que tra-lo impacto emocional que lle provocou (había moito público na praia) non foi quen de pedir disculpas á "Montañesa" de A Coruña que levou un susto casi tan grande como o dela. Dende aquí as transmitimos de parte da súa tripulación. (Están castigados a practicar o resto da tempada exercicios de varada. A ver se aprenden)

http://acddorna.org/blog/upload/Na%20Chati.JPG
A Chati acosada por dúas dornas perseguidoras: a "Petela" e a "Roxiña"

Foron 34 dornas as que participaron e a clasificación foi a seguinte:

1ª Pereka
2ªJalerna
3ªCariñosa
4ªXarandeira de Fasquía
5ªNécora
6ªBazarra
7ªFuxe de Ogrobe
8ªMimela
9ªCaracola
10ªNoelia
11ªBandalha
12ªBetty Boop
13ªMaristela de Rabandeira
14ªForza R
15ªPelijata
16ªPetela
17ªFavorita
18ªFungona
19ªZenaida
20ªRosalía
21ªMªDolores de A Calmoseira
22ªNerea de Calmoseira
23ªRoxiña
24ªMontañesa
25ªChati
26ªPenta Morion
27ªNova Ángela
28ªDelfina

Acheron
Lura
Carmiña
Estela
Marilús
Mora

(As non indicadas son da ENT Dorna)

Nos agasallos a tódalas tripulacións este ano deuselle un respiro aos armarios e caixóns de roupa e, rompendo coa tradición da camiseta, obsequiousenos cunha práctica bolsa hermética para non estraga-los móbiles en caso de emborcar. (Foi unha pena que non llas deran a algúns media horiña antes)

No reparto de trofeos destacar un, especial, que levou a nosa Bárbara como a máis nova promesa da ENT Dorna. Fixo unha regata exemplar xunto ao seu patrón David. Noraboa rapaza!

Ao final comimos e fixemos festa ata ben entrada a noite.

Hai un video de Luis da Fonte sobre a regata. En canto o teña listo colgámolo no blog. Atentos á páxina.

Permalink Comentarios (8) Trackbacks ()

Fin de Semana en Combarro

Categoría: encontros
Enviado: 24.08.2010 23:34

Despois da tan penosa travesía do venres, a única opción era aproveitar ao cento por cento a estadía en Combarro, porque senón non ía ter valor tanto esforzo neboento.

En Combarro houbo de todo:

Un Curso de Iniciación ao Toque de Bughina (CITB), no que o pequeno dos Parada do Grove deu unha lección maxistral de solfeo marino.

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_cursobuguinas.jpg
Braulio aprendendo de Miguel en presenza da delegación portuguesa.

Un Curso de Iniciación à Alimentación en Masa (CIAM), no que fixemos de cobaias todas as tripulacións, gozando de polo con arroz, polo con patacas, polo con... polo visto todo moi saboroso.

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_jantar1.jpg
Que raro! Gaitas amenizando o xantar!

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_jantar2.jpg
O xurado da cata comentado os matices aromáticos do guiso.

Un Curso de Iniciación às Regatas de Remo (CIRR), ou Regata da Pamplina, grupo A. A este curso, a ENT Dorna enviou dúas tripulacións: a exitosa tripulación da Laranha, formada por Marro, Patri, Manuela, Helena e Andreia, que acadou o primeiro posto da categoría feminina; e por outra banda a tripulación masculina da Mora, Uxío e Juan Servando, que non sei que escusas deu con non sei que caverna para deixar que lle superasen as embarcacións de Portonovo.

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_regata_remos.jpg
As únicas mulleres da regata a remos, por suposto da ENT Dorna.

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_regata_remos2.jpg
Os homazos da ENT Dorna chegando tarde.

Un Curso de Iniciación às Regatas a Vela no Medio da Néboa (CIRVMN) ou Regata da Pamplina, grupo B. Neste curso, coa xenerosidade que a caracteriza, a ENT Dorna cedeu os seus mellores efectivos, Santi, Malena e Alberto, à Lavanqueira de Fasquía. Só desta maneira puido facerse co título de campioa, por diante do galeón Luisa e das embarcacións da ENT Dorna, a Peça de Rabo e a Nova Marina, que non deron encontrado as boias no medio da mesta néboa (outra vez!).

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_regata_vela.jpg
A néboa entrou na ría xusto cando as embarcacións encaraban a primeira boia.

Un Curso de Iniciación ao Paseo por Paseo (CIPP) organizado o Domingo, no que às embarcacións grandes se lle xuntaron a Laranha e a Mora, que chegaron de Poio de dar un Curso (outro) de Iniciación à Navegación Tradicional.

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_domingo4.jpg
Andreia traicionounos e preferiu navegar na Bicoca de Portonovo.

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_domingo1.jpg
A xeiteria preseguindo as embarcacións pequenas.


http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_domingo2.jpg
As embarcacións pequenas perseguindo a xeiteira.

http://acddorna.org/blog/upload/encontro_combarro_domingo3.jpg
Malena sacando fotos desde a Irmandinha (podedes velas no picasa).


Como vedes, moita actividade houbo e Combarro este fin de semana...
Permalink Comentarios (9) Trackbacks ()

Travesía a Combarro: goriliñas na néboa.

Categoría: encontros
Enviado: 23.08.2010 21:19

Este fin de semana andamos por Combarro, por iso de participar na súa XV Concentración de Embarcacións Tradicionais. Isto que parece tan normaliño non o é se sabedes das que pasamos o venres para chegar alá...

Non fixemos caso dos agoiros. Saimos hora e media tarde porque a a Arousa amenceu pechadiña de néboa (atención: a néboa non desaparece, trasládase). Eramos moitos repartidos en catro veliñas grandes: a Peça de Rabo, a Irmandinha, a Nova Marina e a Lavanqueira da Fasquía, que saía a un tempo con nós.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_saida.jpg
Embarcando na planeadora, cargadísima de paquetes.

Uxío fixo a primeira advertencia: "Somos moita xente; se hoxe hai unha desgraza, saimos na prensa seguro". E poderá calar algún día este home...
Na Xeiteira, outro pormenor fatídico: a Santi deulle por valdear a cuberta, moi limpiño el, con todos os víveres na tilla.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_pam.jpg
O pan a secar na proa xa antes de cruzar a ponte.

A primeira grande decisión foi aforrar camiño pasando por baixo da ponte, en vez de rodear a Arousa pola banda da ría. Ah, mais os barcos grandes, andan xustos na pasante, e dependen das mareas para non tocar.
Seguinte agoiro: estrenamos a pintura nova da ponte. Na Nova Marina pasamos despois de tocar co pau e facer banda, moita banda. A Irmandinha fixo varias tentativas, animada polos obreiros nos andaimes.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_ponte_irmandinha.jpg

A Peça de Rabo coa ponte pasada; a Irmandinha intentándoo.

Pasado o primeiro perigo, xa nos adicamos a verdadeira vida abordo: comer e cantar.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_bodegom.jpg
Bodegón tradicional: xeiteira, empanada e chourizos.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_gaitas1.jpg
Afinando as gorxas e a gaita.

Despois de remolcarnos un cacho a Irmandinha para aforrar tempo e escaparlle á encalmada, navegamos a vela. Na Golfeira tiramos nun bordo de bolina cara a Ribeira, para intentar pasar o Pombeiro nun seguinte lance.
Houbo dúas estratexias de patronaxe: a Lavanqueira e a nosa xeiteira atacaron o Pombeiro polo Carreiro; a Irmandinha e a Peça de Rabo, por fóra do faro. No Carreiro pillounos unha encalmada. A aposta saiu mal. Agoiro.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_pombeiro2.jpg
Pasando o pombeiro coa axuda dos remos.

Tanto agoiro tiña un sentido. Onde estaba aquela névoa da mañá, mesta e luminosa?. Pois xusto ao pasar Pedras Negras. Envolveunos como nas películas e deixamos de ver mundo ningún à nosa volta.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_nevoa2.jpg
Vedes as velas doutros barcos na proa? Nós tampouco.

Mais, ante as desgrazas, nada hai como un bó patrón. Parada, guiado por un dos últimos cons que evitamos antes da Lanzada, calculou rumos, vixiou o sol e as marexadas, atendeu a ruidos e ventiños e levounos directos ao destino: a boia de Punta Faxilda. Só que até divisala non sabiamos se estabamos diante da Lanzada ou na Praia de Melide, en Ons.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_faxilda.jpg
Na banda da xeiteira dedúcese a boia salvadora.

Cando voltamos divisar terra, indíxenas espidos nos recibiron como a Colombo.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_bascuas1.jpg
Deducimos que aquilo era Bascuas. Íamos ben.

As embarcacións que levaban motor (Niquita e Susuqui) eran a Irmandinha e a Lavanqueira, pero como as perdemos na néboa non quedou outra que bogar. Santi tocaba a gaita a modo de buguina, para dar sinal sonoro da nosa situación. O mundo estaba xordo,
Por fin, a un tempo que unha lancha de Protección Civil con voluntarios que non daban creto ao que vían, a Lavanqueira deunos remolque.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_lavanqueira1.jpg
Os salvadores e a ameazante néboa.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_perseguidos.jpg
A néboa perseguíanos, mais agora iamos a motor.

Cando por fin a néboa disipou estabamos dentro da ría, xusto enfrente de Sanxenxo (non podía ser outro sitio máis interesante?). Seguimos remolcados até Tambo, onde o ventiño xa era máis xeitoso, para poder entrar en Combarro, triunfal e felizmente, a vela.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_gaita2.jpg
Celebrando con música a pasada por Tambo.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_gaita3.jpg
E veña música!

Chegamos a porto e, que pasou no pantalán?

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_festafinal.jpg
Máis música!

Resultado final: nove horas, nove!, de travesía, víveres para tres semanas, gaita e pandeireta desentonadas pola humidade e cámara de fotos desta blogueira estragada. Mais, que ben o pasamos...
Permalink Comentarios (6) Trackbacks ()
« Primeira « Anterior
1 de 6
Powered by sBLOG XHTML 1.0 Strict PHP CSS
Hora local: 20.05.2013 22:57 GMT+1
Version 0.7.3 Beta (Build 20060309)
Powered by sBLOG © 2005 Servous