Arousa

CANTOS SOMOS

Contador amung

Calendario

« Agosto 2010 »
L M M X V S D
1
2 3 4 5 6 7 8
9 10 11 12 13 14 15
16 17 18 19 20 21 22
23 24 25 26 27 28 29
30 31

Administrador

Travesía a Combarro: goriliñas na néboa.

Categoría: encontros
Enviado: 23.08.2010 21:19

Este fin de semana andamos por Combarro, por iso de participar na súa XV Concentración de Embarcacións Tradicionais. Isto que parece tan normaliño non o é se sabedes das que pasamos o venres para chegar alá...

Non fixemos caso dos agoiros. Saimos hora e media tarde porque a a Arousa amenceu pechadiña de néboa (atención: a néboa non desaparece, trasládase). Eramos moitos repartidos en catro veliñas grandes: a Peça de Rabo, a Irmandinha, a Nova Marina e a Lavanqueira da Fasquía, que saía a un tempo con nós.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_saida.jpg
Embarcando na planeadora, cargadísima de paquetes.

Uxío fixo a primeira advertencia: "Somos moita xente; se hoxe hai unha desgraza, saimos na prensa seguro". E poderá calar algún día este home...
Na Xeiteira, outro pormenor fatídico: a Santi deulle por valdear a cuberta, moi limpiño el, con todos os víveres na tilla.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_pam.jpg
O pan a secar na proa xa antes de cruzar a ponte.

A primeira grande decisión foi aforrar camiño pasando por baixo da ponte, en vez de rodear a Arousa pola banda da ría. Ah, mais os barcos grandes, andan xustos na pasante, e dependen das mareas para non tocar.
Seguinte agoiro: estrenamos a pintura nova da ponte. Na Nova Marina pasamos despois de tocar co pau e facer banda, moita banda. A Irmandinha fixo varias tentativas, animada polos obreiros nos andaimes.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_ponte_irmandinha.jpg

A Peça de Rabo coa ponte pasada; a Irmandinha intentándoo.

Pasado o primeiro perigo, xa nos adicamos a verdadeira vida abordo: comer e cantar.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_bodegom.jpg
Bodegón tradicional: xeiteira, empanada e chourizos.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_gaitas1.jpg
Afinando as gorxas e a gaita.

Despois de remolcarnos un cacho a Irmandinha para aforrar tempo e escaparlle á encalmada, navegamos a vela. Na Golfeira tiramos nun bordo de bolina cara a Ribeira, para intentar pasar o Pombeiro nun seguinte lance.
Houbo dúas estratexias de patronaxe: a Lavanqueira e a nosa xeiteira atacaron o Pombeiro polo Carreiro; a Irmandinha e a Peça de Rabo, por fóra do faro. No Carreiro pillounos unha encalmada. A aposta saiu mal. Agoiro.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_pombeiro2.jpg
Pasando o pombeiro coa axuda dos remos.

Tanto agoiro tiña un sentido. Onde estaba aquela névoa da mañá, mesta e luminosa?. Pois xusto ao pasar Pedras Negras. Envolveunos como nas películas e deixamos de ver mundo ningún à nosa volta.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_nevoa2.jpg
Vedes as velas doutros barcos na proa? Nós tampouco.

Mais, ante as desgrazas, nada hai como un bó patrón. Parada, guiado por un dos últimos cons que evitamos antes da Lanzada, calculou rumos, vixiou o sol e as marexadas, atendeu a ruidos e ventiños e levounos directos ao destino: a boia de Punta Faxilda. Só que até divisala non sabiamos se estabamos diante da Lanzada ou na Praia de Melide, en Ons.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_faxilda.jpg
Na banda da xeiteira dedúcese a boia salvadora.

Cando voltamos divisar terra, indíxenas espidos nos recibiron como a Colombo.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_bascuas1.jpg
Deducimos que aquilo era Bascuas. Íamos ben.

As embarcacións que levaban motor (Niquita e Susuqui) eran a Irmandinha e a Lavanqueira, pero como as perdemos na néboa non quedou outra que bogar. Santi tocaba a gaita a modo de buguina, para dar sinal sonoro da nosa situación. O mundo estaba xordo,
Por fin, a un tempo que unha lancha de Protección Civil con voluntarios que non daban creto ao que vían, a Lavanqueira deunos remolque.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_lavanqueira1.jpg
Os salvadores e a ameazante néboa.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_perseguidos.jpg
A néboa perseguíanos, mais agora iamos a motor.

Cando por fin a néboa disipou estabamos dentro da ría, xusto enfrente de Sanxenxo (non podía ser outro sitio máis interesante?). Seguimos remolcados até Tambo, onde o ventiño xa era máis xeitoso, para poder entrar en Combarro, triunfal e felizmente, a vela.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_gaita2.jpg
Celebrando con música a pasada por Tambo.

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_gaita3.jpg
E veña música!

Chegamos a porto e, que pasou no pantalán?

http://acddorna.org/blog/upload/gorilas_nevoa_festafinal.jpg
Máis música!

Resultado final: nove horas, nove!, de travesía, víveres para tres semanas, gaita e pandeireta desentonadas pola humidade e cámara de fotos desta blogueira estragada. Mais, que ben o pasamos...
Permalink Comentarios (6) Trackbacks ()
Powered by sBLOG XHTML 1.0 Strict PHP CSS
Hora local: 21.10.2014 21:51 GMT+1
Version 0.7.3 Beta (Build 20060309)
Powered by sBLOG © 2005 Servous