Arousa

CANTOS SOMOS

Contador amung

Calendario

« Outubro 2010 »
L M M X V S D
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30 31

Administrador

Xornadas Técnicas en Vilaxoán 4: Obradoiro de mecánica naval.

Categoría: escola
Enviado: 20.10.2010 21:24

O cuarto obradoiro era para persoas con experiencia. Por esta razón, o número de inscritos foi menor, aínda que a actividade fose quizás, a que máis expectación levantaba.

O verán pasado, nas nosas expedicións cinematográficas por Caldebarcos, fixémonos co racú Emilio Castelar (para nós racusiño). A embarcación veu para Vilaxoán para ser recuperada aos poucos, nos tempo libres.
Pero resulta que José Piñeiro andou medio inverno e todo este verán traballando no motor: desmontándoo, limpándoo, comprobando pezas, buscando e mudando as que non funcionaban...

E este venres, no Obradoiro de Mecánica Naval tocaba a proba final: ver se o motor, de máis de corenta anos e quen-sabe-cantos sen andar, voltaba a funcionar.

http://acddorna.org/blog/upload/motor_racu.jpg
O protagonista, brillante e orgulloso.

Por suposto, os participantes, dirixidos polo monitor Piñeiro sénior, non cometeron erros de principiante, tipo antes de chamar ao técnico, proben a enchufar a máquina.

http://acddorna.org/blog/upload/motor_racu_gasofa.jpg
Dándolle de beber ao motoriño: gasolina grande reserva.


http://acddorna.org/blog/upload/motor_racu_gasofa2.jpg
Larry, dirixido nos traballos polo perito en motores.

As diferentes probas realizadas foron un éxito. Gravamos un vídeo demostrativo, mais non sabemos que foi del.

http://acddorna.org/blog/upload/motor_racu_funciona1.jpg
Se vos fixades, o tubo do capacho bota auga.

http://acddorna.org/blog/upload/motor_racu_enfermeiro.jpg
O médico alimentando o doente por vía intravenosa.

http://acddorna.org/blog/upload/motor_racu_fume.jpg
Todo ese fume que estraga a foto é dun motor des-estragado.

http://acddorna.org/blog/upload/motor_racu_funciona2.jpg
Os artistas mecánicos, en plena acción.

Resultado Final? Pois parece que o racú vai ter un motor que funciona, polo que, se o preparamos neste inverno, apra o ano poderá cumprir con esa función desexada: a de ser embarcación de apoio na escola.
Permalink Comentarios (5) Trackbacks ()

Xornadas Técnicas en Vilaxoán 3: Obradoiro de pesas.

Categoría: escola
Enviado: 20.10.2010 20:37

Animados pola demostración no Obadoiro de palancas de que xuntos podemos mover o mundo, optamos por darlle continuidade cun Obradoiro de Levantamento de Pesas. O mundo deixámolo tranquilo pero deron os ollos nunha traíña de auténtica madeira e metros e metros de longo e, ai!, non puidemos resistirnos...

A verdade é que a pobre da traíña pasa as tardes de acá para alá porque nunca lle encontramos o emprazamento máis adecuado e menos molesto. A idea extraordinaria da tarde foi a que segue:

-E xa que temos o barco grande arrombado nesa esquina, por que non lle pomos enriba a traíña, e facemos sitio para dúas ou tres dornas máis?
- E por que non??!! - respondeu toda a nave a un tempo.
E, ala!, a pasear a embarcación como os sete ananiños de Branca de Neve!

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas1.jpg
Ai ho, ai ho, a traiña a pasear!!

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas2.jpg
Arriba! Non non! Orza!

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas3.jpg
O Concello de Vilagarcía patrocinou este Obradoiro.

Por suposto, o fácil era colocar a traíña enriba do barco; por iso optamos por virala, por iso de superar novos reptos.

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas4.jpg
A próxima vez, os máis pequenos, no medio...

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas5.jpg
Primeira fase lista.

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas6.jpg
E aghora que?, pregunta Salva.

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas7.jpg
Pois xogar ao vira-vira...

http://acddorna.org/blog/upload/levantamento_pesas8.jpg
...e facer unha casota!

Resultado final? Pois non sabemos, porque xa andan a circular por aí propostas para levar a traíña para outro sitio. Total, só temos que quedar catorce ou quince persoas unha tarde...
Permalink Comentarios (0) Trackbacks ()

Xornadas Técnicas en Vilaxoán 2: Obradoiro de palancas.

Categoría: escola
Enviado: 20.10.2010 19:57

As actividades desenvolvidas nas I Xornadas Técnicas de Escolas de Navegación Tradicional tiñan carácter simultáneo. Por unha parte, isto dificultaba a asistencia a todas elas a tempo completo, mais por outra facilitaba a mobilidade das persoas participantes duns obradoiros a outros.

Un dos obradoiros que tivo máis éxito de participación foi o Obradoiro de Palancas, no que o técnico Juan Servando demostrou como, con axuda de varias persoas e uns coñecementos mínimos de física, pode ser sacado do medio un trasto vello (ai, perdón, un barcazo grandísimo!).

http://acddorna.org/blog/upload/palanca-salvapai1.jpg
Ti só non podes...

http://acddorna.org/blog/upload/palanca_amigossim.jpg
...con amigos si!

Un dos primeiros obxectivos da tarde era baixar o barco do carro (necesitámolo para mover as nosas embarcacións grandes), arrombalo onde non incomodase moito e pousalo no chan (para que collan as nosas embarcacións grandes). É dicir: todo pola xeiteira e a dorna de tope!!

http://acddorna.org/blog/upload/palanca_colocado.jpg
Colocando o barco no fondo da nave.

http://acddorna.org/blog/upload/palanca_calzando.jpg
O barco sen carro, e calzándose para baixar ao chan.

E chegou o momento que nos deixou sen fala aos que nunca acreditamos nin tiñamos fe neses contos de Arquímedes e Galileo. Que se vai dar movido o mundo, xa!!. Pois ante os nosos ollos, o sistema de palancas funcionou e o resultado aí o tedes.

http://acddorna.org/blog/upload/palanca_noar1.jpg
A popa no aire coa forza de só dúas persoas.

http://acddorna.org/blog/upload/palanca_mundo.jpg
Dádeme un ponto de apoio e movo o mundo...

http://acddorna.org/blog/upload/palanca_noar2.jpg
A proa no aire coa forza de só dúas persoas (outra vez)

Iso si, como en todas as actividades nas que é precisa unha dirección técnica, abundan os descansados expertos que farían así, moverían asá, deixarían asó...

http://acddorna.org/blog/upload/palanca_critica.jpg
O barco case pousado: expertos opinando.

Resultado final? Un carro liberado e un 5% de espazo gañado.

Permalink Comentarios (1) Trackbacks ()

Xornadas Técnicas en Vilaxoán 1: Obradoiro de deconstrución

Categoría: escola
Enviado: 20.10.2010 19:02

Pois si, amigos e amigas. O pasado venres día 15 de Outubro, a ENT Dorna tiña prevista unha xornada de navegación, a ultimísima da tempada. Mais debido a un contratempo cos elementos (non andaban as marés polo labor, por moito que o quixeran os patróns da escola) foron substituídas polas I Xornadas Técnicas de Escolas de Navegación Tradicional, focadas este ano no tema O traballo que hai detrás dun paseo en dorna polas fermosas rías galegas.

Houbo unha vintena de participantes (un éxito para ser a primeira vez, aínda que temos que admitir que quizáis pensaban que viñan a outra cousa) que foron repartidos en varios obradoiros prácticos.

O primeiro obradoiro do que vos damos conta é o obradoiro de deconstrución, no que as persoas integrantes adicaron a tarde a mover cascallos acumulados en forma de vello flotador de pantalán para tapar buratos en forma de pozas de vella conserveira.

http://acddorna.org/blog/upload/deconstruzom_salva_filho1.jpg
O monitor Salva mostrando como se martela o cemento.

http://acddorna.org/blog/upload/deconstruzom_bea1.jpg
Unha animosa participante mariscando cemento e polispán.

http://acddorna.org/blog/upload/deconstruzom_salva_filho2.jpg
Non hai explotación infantil: o rapaz pasa dos 16 (newtons de forza).

Como sempre acontece neste tipo de eventos, son presentados novos inventos e técnicas para facilitar o traballo das asociacións. Por suposto, houbo unha exposición práctica.

http://acddorna.org/blog/upload/deconstruzom_patineta.jpg
O novo capacho-patineta, obra de Santi, en clara competencia con Calixto polo posto de inventor oficial.


O traballo cooperativo foi o máis valorado polos integrantes deste grupo.

http://acddorna.org/blog/upload/deconstruzom_sacadas.jpg
Carrexando un cadáver? Non! Mais cascallos!

http://acddorna.org/blog/upload/deconstruzom_asma.jpg
As persoas doentes de asma sacrificámonos por mantervos informados.

O resultado final? Un obradoiro altamente frutífero con resultados espectaculares: a superficie aumentada para gardar dornas estimouse nun 15%, se temos en conta o espazo ocupado polos flotadores e o desocupado polas pozas no chan. Exitazo!

http://acddorna.org/blog/upload/deconstruzom_salita.jpg
Os protagonistas da deconstrución descansando no novo espazo.

Permalink Comentarios (2) Trackbacks ()
Powered by sBLOG XHTML 1.0 Strict PHP CSS
Hora local: 19.05.2013 01:15 GMT+1
Version 0.7.3 Beta (Build 20060309)
Powered by sBLOG © 2005 Servous