Enviado: 22.12.2011 10:34
Non podemos competir cos medios de comunicación locais, pero si contribuír a que as verdades non sexan agochadas. A FGCMF da resposta ás declaracións do alcalde de Vilagarcía nos tres medios de comunicación ( Voz, Faro e Diario de Arousa) despois de que a Federación enviara un escrito sobre a resolución do goberno municipal no que se nega a pagar ó que lle corresponde dos Encontros-Carril2011.

Eiquí vai esta resposta que ven na páxina da Federación
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) denuncia a actitude do Alcalde do Concello de Vilagarcía e, de novo, quere matizar manifestacións inexactas das súas declaracións que recollen os medios de comunicación o pasado 13 de decembro.
A súa negativa a cumprir os compromisos verbais acordados polo Concello de cara ao X Encontro de Embarcacións Tradicionais celebrado en Carril, está a causar dificultades económicas a tres empresas galegas, á vez que compromete a realización do XI Encontro e pon en perígo a viabilidade da propia FGCMF. A Federación lamenta que un Concello como Vilagarcía, con recoñecida vocación marítima e apoio decidido as tradicións mariñeiras, poda resultar prexudicado pola actuación do seu Alcalde.
A FGCMF leva organizados 10 Encontros de Embarcacións Tradicionais o que converte a este evento bianual no máis importante de náutica tradicional que se celebra en España. O seu carácter itinerante propicia que toda a Comunidade Galega sexa partícipe dun espectáculo que adoita reunir cerca de 200 embarcacións chegadas de Galicia e doutras comunidades litorais españolas, de Portugal, de Francia e doutros países europeos. Cerca de 1,000 tripulantes e uns 30.000 visitantes ao evento falan do seu impacto económico, e á vez de promoción turística, para a vila mariñeira que o acolle.
O interese das asociacións vinculadas ao patrimonio marítimo galego de Vilagarcía xunto co apoio do seu Concello motivou a elección de Carril para a celebración do X Encontro de Embarcacións, así coma unha concentración previa en Vilaxoán, levadas a cabo entre o 25 de xuño e o 3 de xullo pasado. O Concello referendou o seu compromiso co X Encontro mediante un acordo plenario, aprobado de xeito unánime por toda a Corporación, e posteriormente comprometendo verbalmente un apoio económico de 40,000 euros. Nas anteriores nove edicións do Encontro, a FGCMF sempre contou coa colaboración das diferentes administracións, con acordos verbais previos que logo se resolveron oportunamente e, mesmo con algún retraso, todos eles cumpriron o compromiso adquirido.
A FCGMF, consciente da situación económica, axustou ao máximo o orzamento do X Encontro, polo que só está reclamar ao Concello a metade do compromiso inicial, 21.000,00 euros, que se usarán para pagar a provedores do Encontro de Carril. Poren, a FCGMF non entende o cambio de actitude do Alcalde, que inicialmente apoiou a celebración do X Encontro e mesmo presidiu o acto de inauguración coa Conselleira do Mar. O seu compromiso inicial foise esvaendo co paso do tempo tornándose nunha actitude desconcertante que o levou a realizar unhas declaracións totalmente desafortunadas e fóra de contexto e recollidas por algúns medios o pasado 13 de decembro.
Vilagarcía, cidade marítima, sempre tivo unha firme e decidida actitude a prol da náutica tradicional, corroborado pola sinatura de senllos convenios coa asociación Rompetimóns de Carril para a construción dun galeón, verdadeiro símbolo da cabotaxe costeira das Rías Baixas, e a súa dinamización mediante saídas públicas pola ría, o que sen dúbida vai incrementar os activos turísticos á vez que está a garantir a salvagarda cultural do saber mariñeiro de Vilagarcía.
Volve a reincidir o Alcalde na súa estratexia de vencellar ao X Encontro calquera gasto relacionado coa aposta decidida do seu Concello á náutica. Aplaudimos esta aposta, pero o que xa non ten tanta lóxica é querer confundir a opinión pública imputándolle á FCGMF todo o diñeiro que o Concello está a investir nestas actividades. É totalmente falso a afirmación do Alcalde de que a goleta (sic) non navega cando a selección española de baloncesto realizou unha singradura a bordo do galeón Illa de Cortegada durante o X Encontro, o que, por certo, serviu para difundir a nivel internacional o evento.
Respecto da confusión de Tomás Fole entre goleta e galeón, como aclaración ao Alcalde, compre sinalar que nos convenios entre Rompetimóns e o Concello, no primeiro dos convenios pódese ler na segunda clausula que "a actividade a subvencionar é a construcción da réplica do Galeón Cortegada que se adicara a promocionar a cultura marítima tradicional". No anexo de este convenio consta a " memoria construcción réplica do galeón Cortegada". No segundo dos convenios, na clausula segunda recolle a tipoloxía da embarcación obxecto do convenio e di: "Tipo: tradicional, tipo galeón".
O Encontro celebrado en Carril foi un éxito innegable mercé, sobre todo, ao esforzo individual dos membros dos colectivos da FGCMF que sufragaron eles mesmos moitos dos gastos derivados, así como a extraordinaria implicación de xente do propio Carril que se volcou nesta festa da cultura marítima. A FGCMF só agarda que o Alcalde e a Xunta de Goberno Local cumpra os compromisos adquiridos polo Concello de Vilagarcía para pagar a débeda de 21.000 a tres empresas provedoras do devandito Encontro, polo que esperamos que á maior brevidade posibles reconsidere a súa actitude, facendo caso a todos os grupos políticos de Vilagarcía, que no seu día apoiaron a celebración do X Encontro e que reiteraron este apoio nunha recente moción que foi rexeitada polo voto de calidade do propio Alcalde.
Cambados 16 de decembro do 2011
Víctor Fernández
Presidente da FGCMF



