Arousa

CANTOS SOMOS

Contador amung

Calendario

« Maio 2013 »
L M M X V S D
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 31

Administrador

MANUAL DE NAVEGACIÓN PARA PODRÉNS

Navegar sen afogar: Manual de dorna para torpes

COMPENDIO DE NORMAS BÁSICAS PARA NAVEGAR POR MARES NON VIRTUAIS E NON NAUFRAGAR NUN PUTO CON

Disfrácese de pirata hortera:

Zapatillas con sola de goma, pantalón curto e ancho para poder arremangalo sen problemas ó embarcar e desembarcar, gorra, navalla, chuvasqueiro (se temos “riss”) e unha muda por se fala moito ou por se nos tiran ós tabeiróns.

Xa como atrevemento persoal pode aportar un toque de distinción e de exotismo cun sable vello entre os dentes e un pin de “calivera” directamente no peito, de lobo claro. Se no traxecto á dorna non o deteñen por escándalo público xa é difícil que no mar lle boten a luva. Xa pode estar tranquilo, polo menos até que regrese ó coche onde seguro que xa o espera unha unidade móbil do Cotolengo de Santiago.

O chaleco salvavidas é obrigatorio pero xa case non me atrevía a dicirllo xa que . . . patético, ¿verdade?.

Baixades a dorna: Sacámoslle as escoras (que deixaremos entre a tilla e o banco de proa) e tapamos a fura de desaugue cun espicho e un pano. Metemos a canalón debaixo da quilla e amarrámolo na proa. Empuxamos todos até a auga co brazo que turra estendido totalmente para atrás. ¡Eh!, que dixemos todos, ¡eh!, vostede tamén.

Tingladillo: Segundo a “Enciclopedia do mar” de Giani Cazzaroli é un método de construción polo que ó forrar o esquelete dun buque as táboas póñense en contacto superpoñendo unha a outra. Frase: “Dorna de tingladillo”, “Dorna de banceado de escarda ou calime”.

Tope: Gianni Cazzaroli, ni puta idea. Segundo a “Enciclopedia de navegación Illán” de Larry, Ignacio e Parada: “Dise das dornas que non son de tingladillo e na que as madeiras van unha detrás da outra pero sen superpoñerse”. Frase: “Dorna de tope”, “Dorna de banceado a tope”.

Escarva: Non se trata de encontrar un tesouro. Trátase dunha das táboas da dorna que sobresae un pouco e por onde se colle para ladeala en terra.

Imos aló: Pau, vela arrolada na vara de portar e na vergha, o aparello (drizas, matón e austagha), timón e cana é o que temos que levar á dorna. A cana, se é de herbas, vai moi ben para o estómago pero non hai maneira de poñela no timón para gobernar, home!, algún defectiño tiña que ter. Pero mira que se servise!. Ó mellor en caso de apuro . . .

De como embarcamos: Deixamos todo a bordo. Ladeamos un pouco a dorna (pode axudar o tripulante que xa está dentro), para facilitar a saída da area, empuxamos e embarcamos dun salto. Ó embarcar teremos coidado de non envorcar.

De como emparellamos a embarcación:

Timón Desamarramos o fiel (cabo que prolonga a agulla onde ten que encaixar a femia do timón) atado ó banco do cofiño e enfiámolo pola femia do timón tensando moito o fiel e metendo o timón dereito á vía até que escoitemos como entra no parafuso “agulla” ó tempo que o macho da parte alta encaixa no chantadiso (aro metálico fixado no espello de popa para enganchar a parte alta do timón). Asegurámonos de que todo está ben tentando o timón de fóra para dentro como querendo separalo da quilla.

Nada máis rematar isto, escoitaremos un berro: “Sácame os pés do cofiño!”, frase que todo principiante debe escoitar e non esquecer se non quere volver a nado ou servir de isco ós tiburóns da Illa. Si, por incrible que pareza, na Illa de Arousa tamén hai tabeiróns e sobre todo no verán que é cando os construtores van á praia e nadan un pouco. O cofiño non ten empanetado que protexa as madeiras do casco e co noso peso poden abrir as xuntas e orixinar unha vía de auga. No cofiño os pés deben apoiarse nas cadernas.

Pao O outro compañeiro ou compañeira coloca o pao na cuberta co pé mirando a proa e a parte sen biselar cara a arriba. Enfiamos a austagha polos nós do pao de abaixo para arriba e o cabo da austagha amárrase ás drizas para que non se nos escape ó meter o pao na fura do traste e encaixando o pé nalgún dos rebaixes: candeliña, candela, pao a medio e pao a proa. Canto menos vento temos, convennos ter o pao o máis dereito posible para recoller coa vela máis aire.

Vela Coa austagha que baixa do pao faise un nó de 8 ou lasca (coma un falso nó pero entrando na gaza media volta despois) para amarrar a vergha. A vergha convén tela sempre ben amarrada senón pode darnos moitas dores de cabeza, en tódolos sentidos. O puño de amura anóase cun nó chan na proa o máis preto posible da proa. A escota pásase polo banco do cofiño en dúas voltas e se o vento tira moito pasámola tamén por algunha caverna. Temos que montar a vela do lado que lle entre o vento segundo a rota marcada para saír.

Drisas Aseguramos a gaza dun dos cabos da drisa á cornamusa que ten a dorna nos costados. Do outro cabo cobramos del para iza-la vela. Ó final damos un pequeno tirón cargando o corpo para o pao e de costas a el, e rapidamente pasamos eses cabo pola cornamusa e asegurámolo mordendo a volta entre o casco e a driza cun golpe seco cara a proa.

Arrocamentos Manteñen unida a vergha ó pao. Teñen que pasar por riba do brazo máis largo da vergha. Do contrario a vergha non poderá ser cambiada nas manobras. Xa vos dixen eu que isto da vergha tiña o seu aquel. Posiblemente de aí veña a famosa frase atribuída irresponsablemente ó pirata Soto: “Vouche dar uns verghallasos”.

De como dada un rota podemos axustar a escota dependendo do vento:

Bolinando Cazar escota a tope (unha vez cazada límpase e dóurase cun chisco de aceite de oliva e unha cebola e déixase a gratinar no forno da . . . ) Flaméase a relinga, ademais de apagala rapidamente cómpre arribar un pouco, non se pode bolinar máis. Con pouco vento, se empuxamos a relinga coa vara de portar, melloramos a bolina. Se aínda así non mellora, non se preocupe, probe a botarlle unha ramiña de prixel e uns taquiños de xamón.

De través Arriar algo de escota . Que seco queda iso!. Pois bótalle un pouco de ron que é moi mariñeiro e alegra moito, ben polo menos molla algo.

En empopada Arriar moita escota e meter vara de portar. Pódese estabilizar a embarcación a costa de perder velocidade, metendo un remo nunha banda de popa como se fora un dobre timón. Non, non é culpa do ron se ve dobre timón. Cando vexa tres, comece a pensar en cambiar a marca . . . de ron.

De como se executan as manobras:

Virada por avante: O timón orza a tope e de golpe para aproveitar o impulso e sóltase a escota collendo a vela polo puño de escota e levando este por detrás do pao para regresar á outra banda e cazar a escota dándolle dúas voltas ó banco do cofiño ó tempo que levamos o timón a vía e retomamos o rumbo desexado. Non será casualidade que na proa da nosa dorna se recorte a silueta de “Taberna O PATO COXO, viños e copas” . . . caramba ¡Que coinsidensia!.

Para que esto sexa posible o proeiro ten que arriar as drisas primeiro cando o patrón orza ó timón e deixar baixar un pouco a vergha para que poida pasar por detrás do pao, pero non tanto como para que lle parta a crisma ó patrón, agás no caso de manifesta rebelión ou amotinamento. Cos dous cabos das drisas na man o proeiro espera que o patrón chegue ó pao para cambiar de banda e asegurar a gaza na cornamusa esperando que a vergha pase o pao e se poña en posición de poder ser izada. Unha vez tensadas as drisas asegúrase o cabo na cornamusa. É o momento de que o patrón, se é que conseguiu saír indemne do motín, cace a escota primeiro e a vostede despois, poñendo prezo á sua cabeza por rebelde, sublevado, revirado . . . e por non saber usar ben a verga, que para todo hai que ter cabesa.

A trasluchada (ou virada por redondo): É a manobra inversa que consiste en arribar pouco a pouco facendo pasar o vento por popa, non por proa como na virada por avante. É unha manobra perigosa con moito vento, por iso se fai cando do vento é débil e a mar é grosa.

A remo: 1. Cidade atea italiana famosa polo seu festival de canción hortera. 2. Dise da forma de navegar sen vela e con remos e diso precisamente é do que temos que falar. Os remos da dorna van cruzados, os brazos non. No caso de seren dous a remar, un vai no medio e o outro en couso, máis a popa. No caso de seren dous a remar . . . non contedes comigo. No caso de ser un . . . tampouco.

Asociación Cultural e Deportiva DORNA

Powered by sBLOG XHTML 1.0 Strict PHP CSS
Hora local: 20.05.2013 18:48 GMT+1
Version 0.7.3 Beta (Build 20060309)
Powered by sBLOG © 2005 Servous